Wednesday 01 de May de 2024

A Policía Autonómica tramitou nos festivos da Semana Santa 53 denuncias nos controis de medidas ante a Covid-19 en Galicia


Leváronse a cabo 144 dispositivos con 170 persoas identificadas no marco do plan de actuacións específicas destinadas a evitar a propagación da covid-19

Axentes da Policía Autonómica levaron a cabo nos días festivos da Semana Santa un total de 144 dispositivos en 42 concellos galegos nos que foron tramitadas 53 denuncias. Os controis realizáronse no marco do plan de actuacións específicas destinadas á prevención, inspección e control do cumprimento das medidas adoptadas polas autoridades competentes pola covid-19, e saldáronse con 170 persoas identificadas.

Entre o 31 de marzo e o 4 de abril, os axentes realizaron na provincia da Coruña 30 dispositivos nos concellos de Ames, A Coruña, Boqueixón, Ribeira e Santiago de Compostela, cun total de 21 denuncias e 73 identificacións.

Na provincia de Lugo tramitáronse 12 denuncias e identificáronse 70 persoas en 32 dispositivos levados a cabo nos concellos de Guitiriz, Lugo, Monforte de Lemos, Outeiro de Rei, A Pastoriza, Rábade, Ribadeo, Ribas de Sil, Riotorto, Sarria, O Saviñao e Sober.

En canto aos controis levados a cabo pola Policía Autonómica na provincia de Ourense, realizáronse 29 dispositivos nos concellos de Castrelo de Miño, Celanova, Cortegada, Ourense, Pereiro de Aguiar, Ramirás, Ribadavia, San Cibrao das Viñas e Taboadela, sen que se tramitara ningunha denuncia.

E na provincia de Pontevedra, nos 53 dispositivos realizados en Barro, Covelo, A Illa de Arousa, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Mondariz, Mondariz-Balneario, Poio, Pontevedra, Portas, Ribadumia, Valga, Vigo e Vilaboa rexistráronse 20 denuncias e identificouse a 27 persoas.

Motivos das denuncias

Estes dispositivos encádranse no seo da colaboración entre as forzas e corpos de seguridade, cada unha no marco das súas competencias e, polo que respecta aos realizados nos últimos días pola Policía Autonómica, das 53 denuncias cursadas en Galicia, 26 foron por circular sen máscara, 11 por fumar sen respectar a distancia de seguridade, 7 por non ter en conta o toque de queda, 6 por estar con persoas non conviventes en espazos nos que non estaba permitido e, as outras 3, por non gardar o límite de ocupación, por non ter os preceptivos carteis informativos e por saltarse o peche perimetral.